Autor:
ENRIQUE RAJOY
Ranking en Amazon: #759420
(ayer: #758780)
Páginas: 410
Descripción:
OS DERRADEIROS DÍAS DE MIGUEL ANXO
Decidimos respectar a segunda parte dos desexos do moribundo. En Roma non poderiamos atopar máis que sacerdotes afectos á antiga relixión. No entanto, Tomás non estivo de acordo no dos médicos. Un dos que acudiu, Federico Donati, pasoulle visita ao enfermo. O outro, Xerardo Fidelísimi, sentou xunto ao lume e deu boa conta dunha bandexa dos pasteliños de mazapán a base de améndoas moídas, clara de ovo e mel, pero non puido velo.
Ao día seguinte, cando quedou claro que o seu sobriño non ía chegar a tempo, Miguel Anxo despediuse:
-Deixo a miña alma en mans de Deus, o meu corpo á terra, a roupa aos parentes máis próximos. Prégoche, querido amigo -dirixiu unha mirada esvaecida a alguén, creo que a min, aínda que todos pensamos o mesmo-, que me recordes a paixón de Cristo cando estea a punto de deixar esta vida.
Logo xirou o seu rostro á parede e xa non dixo máis nada.
Sería á seguinte xornada, case dúas horas despois de nona, cando empezou cun respirar afanoso. Donati elevou as cellas. Tomás, que estaba ao quite, captou a mensaxe antes ca min. Abriu os Evanxeos pola páxina marcada e leu:
-... despois disto Xesús, sabendo que todo se consumara, para que se cumprise a Escritura, dixo: ?Teño sede?. Había alí un vaso cheo de vinagre; empaparon unha esponxa no vinagre, puxérona nunha cana e achegáronlla á boca. Cando Xesús o probou dixo: ?Todo está cumprido?. E inclinando a cabeza, expirou?.
Sen que ninguén soubese quen os chamara, a casa encheuse de xente. Apareceron os confrades de San Xan Decapitado para amortallar o corpo do seu irmán. Apareceron os monxes da Minerva para rezar o oficio de defuntos. Apareceron os notarios da Curia e os diplomáticos florentinos para inventariar a casa. Apareceu o cardeal Borromeo que dixo que o arranxo do Xuízo era agora asunto do alumno predilecto. Mesmo Pallantieri, o gobernador de Roma, se deixou caer por alí. E apareceron vagabundos, pois ¿onde se viu velar un fuoroscito sen que se deixe ver o trebiano degli Oliveri e as salchichas de Toscana?
Baixei as escaleiras devagar, pero ao chegar ao baixo, as miñas pernas iniciaron unha carreiriña. Tomás, ao verme que abandonaba a casa, entre abalóns dos que entraban, interrogoume coa mirada.
-Por quen me tomas? -respondín- Cres que agora me vou colgar coa miña bolsa das trinta moedas?
-El era un gran home, pero sobre todo un home bo.
-Paréceche mal que me despedira del?
-Non sei qué pensar.
-Que canallada fixen? Ameazalo?
-Non, non é iso. Pero neses momentos calquera palabra...
-Por darlle un bico de despedida?
-Recordas aquel segundo en que abriu os ollos por última vez? Aquela profunda tristura deixoume traspasado o corazón. Sería a causa da desconfianza dalgún de nós? Faime sufrir o pensamento de que non morreu en paz, en completa paz.
Si, e ti, Nelo, es Xudas.
-Tomás, ti si que es desconfiado. Como o da Biblia.
-Dixécheslle a Miguel Anxo que o concilio ordenou o arranxo do Xuízo Universal?
-Que cousas tes! Díxencho a ti, Tomás, non o recordas?
-Si, é certo. Foi a min a quen llo dixeches. Fixemos ben, creo. Total, non existe ningún artista con suficiente entendemento como para levar esa orde a cabo. El, que xa é divino, era o único capacitado para dilucidar o deseño divino da Salvación. Se aparece algún, ao que máis que perverso, cualifico de estúpido; espero que mo fagas saber, Nelo.
-Fareino.
Ben, a historia complétase así. Vasari recibiu o corpo en Florencia o 10 de marzo e comprobou que os selos estaban intactos. Iso tivo lugar na casa de alfándegas, porque, para subtraer a reliquia do novo santo á avaricia de Roma, houbo que escamotear o seu cadáver coma se fose un cesto de pan. Foi enterrado na Santa Croce e Nelo Volterra non tivo intervención no seu mausoleo. Tampouco niso.
A morte de Miguel Anxo Buonarroti ea manipulación dramática da súa obra mestra, O Xuicio Universal, constitúen a trama desta nova novela de Enrique Rajoy.